Ampliación do prazo de presentación de traballos
para o Congreso “Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns” Ateneo Ferrolán
Congreso “Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns”
13 a 15 de novembro de 2015
13 a 15 de novembro de 2015
Ao longo dos séculos XIX e XX os territorios de Ferrol, Eume e Ortegal mantiveron unha enorme relación coa illa de Cuba, lugar de destino de milleiros de homes e mulleres da nosa zona. Alí viviron experiencias como a guerra de independencia, a intervención norteamericana, as crises económicas, dictaduras e revoltas políticas, até chegar á revolución cubana no final da década de 1950. E boa parte daquela emigración, agrupada nas grandes sociedades de emigrantes como o Centro Gallego e Hijas de Galicia ou en pequenas sociedades artelladas arredor dos lugares de orixe, interviron na Galiza mediante as sociedades de instrucción e colaborando decisivamente na creación de institucións como a Real Academia Galega ou na elaboración de símbolos nacionais como a bandeira ou o himno galego. As remesas de cartos que enviaban foron fundamentais tamén para o desenvolvemento económico do país e para o nacemento de moitas iniciativas industriais e comerciais. Ao cabo, a nosa cultura local estivo inzada de referencias cubanas achegadas pola xente que vivía en Cuba e aquela que con mellor ou peor sorte retornou á terra.
Nunha época de cambio na illa caribeña, cando Galiza recibe emigrantes mais lamentablemente tamén a nosa xente ten aínda que emigrar, o Ateneo Ferrolán convoca un Congreso baixo o título “Ferrol-Cuba-Galiza” co obxectivo de promover investigacións sobre as relacións entre as bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal e a Illa de Cuba a través do fenómeno da emigración. Ao cabo, a finalidade última da xuntanza de persoas investigadoras e a difusión dos seus traballos sería a de tentar contribuir ao coñecemento dunha historia compartida aos dous lados do Atlántico e avaliar a importancia e protagonismo da emigración da nosa zona na historia de Cuba e tamén na propia historia da Galiza.
O Congreso vai desenvolverse entre os días 13 e 15 de novembro nos locais do Ateneo Ferrolán, e irá acompañado de diferentes actividades complementarias:
· Unha exposición bibliográfica, hemerográfica, fotográfica e de outros obxectos sobre as relación entre Cuba e Ferrol, Eume e Ortegal.
· Unha exposición en paneis sobre as relación entre a emigración a Cuba e o desenvolvemento das reivindicacións da lingua e a cultura galega.
· Unha publicación central sobre a relación entre Ferrol, Eume e Ortegal e a Illa de Cuba, e afondando no protagonismo de xente das nosas bisbaras na adopción dos símbolos de Galiza.
· Outras actividades culturais e de lecer relacionadas coa emigración e as relacións entre Ferrol, Eume, Ortegal e Cuba.
O calendario sería o seguinte:
10 de outubro de 2015
Peche do prazo de admisión de traballos ao Congreso
Nesta data todolas investigadoras e investigadores terían que ter presentado un resumo dos traballos que desexen presentar ao Congreso. Na primeira semán de outubro comunicarase a todalas persoas que enviaran propostas a decisión da comisión organizadora do Congreso sobre a súa admisión. A valoración dos traballos para a súa admisión terá en conta criterios de orixinalidade, rigor e encaixe nos obxectivos do Congreso.
13 a 15 de novembro de 2015
Celebración do Congreso
Nesta semán levarianse adiante todolos actos do Congreso, tanto os principais como outros que poidan celebrarse de xeito paralelo.
Entrevista ao presidente do Ateneo Eliseo Fernández Fernández sobre o Congreso:
http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=17985
Ningún comentario:
Publicar un comentario