II Xornadas de Documentación do Ateneo Ferrolán. 15 de outubro ás 17,15 h.
Ferrol, 15 de outubro de 2015
II Xornadas de Documentación do Ateneo Ferrolán
O papel dos
arquivos da administración pública e das institucións privadas
no servizo á cidadanía.
Experiencias na creación de arquivos e
centros de documentación baseados na aportación e colaboración
colectivas.
Lugar e data de celebración
Xoves 15 de outubro de 2015 ás 17.00 horas, no salón de
actos do Ateneo Ferrolán, rúa Magdalena 202-204.
Programa
17.15 Inauguración
Suso Basterrechea, concelleiro de
Cultura de Ferrol.
Eliseo Fernández, presidente
do Ateneo Ferrolán.
Xoán Porto, coordinador
das xornadas.
17.30 Conferencia
Os arquivos e os cidadáns: algúns problemas do noso
tempo
Por Pedro López Gómez, profesor
honorario da Universidade da Coruña e presidente do padroado da
Fundación
Olga Gallego.
Nun mundo globalizado e dixital, e referíndonos aos
estados democráticos, os arquivos experimentaron unha
transformación, debido á evolución do propio concepto de arquivo,
e sobre todo ao uso das novas tecnoloxías, que inciden tanto na súa
propia natureza como no acceso dos cidadáns aos seus documentos, que
faise máis aberto, sinxelo e transparente.
Pero este proceso convive con situacións e prácticas
que o dificultan, como a carencia de arquivos ou de sistemas
arquivísticos debidamente conformados en moitas entidades públicas,
a separación de grandes masas documentais ao uso público, ao amparo
das leis de segredos oficiais, ou a dificultade de acceder a
determinados documentos administrativos, pola existencia dunha
normativa un tanto confusa e restritiva, como as denominadas leis de
transparencia ou de procedemento administrativo. E por suposto, a
carencia de recursos, léase persoal, locais ou medios económicos,
para organizar e describir adecuadamente os documentos, o que
tradúcese moitas veces en destrucións arbitrarias, das que con
frecuencia temos noticias na prensa periódica.
Os cidadáns e os medios de comunicación deberían ser
conscientes de que unha boa organización arquivística defende os
seus dereitos á información, contribúe á boa xestión
administrativa, e garante a reconstrución da historia e a
conformación das identidades nacionais, de clase ou de xénero, de
xeito fidedigno.
18.30 Ponencias
Arquivo e dominio: repensando os arquivos para a
cidadanía
Por Gaspar Domínguez, @SCQlab.
A invención e o melloramento técnico dos documentos e
das distintas fórmulas de arquivo confúndense co nacemento e co
perfeccionamento do dominio social desde a mesma orixe da
civilización. O obxectivo deste relatorio é indagar de xeito
crítico na posibilidade de conquistarmos os arquivos para a
cidadanía, como suxire o lema destas II Xornadas.
Arquivos da cidadanía: Fálame de San Sadurniño
Por
Manolo González e Carmen Suárez,
responsables do proxecto Fálame
de San Sadurniño.
«Unha Historia cada día» Fálame de San
Sadurniño xurde dunha actividade desenvolvida na Aula CeMIT
do Concello de San Sadurniño para conmemorar o 17 de maio do 2013,
día das Letras Galegas e tamén día de Internet, conxugando na
mesma actividade a defensa da lingua galega e o emprego das TIC.
Basicamente a actividade consiste na realización de
obradoiros colaborativos no que @s participantes aprenden a
dixitalizar e xeolocalizar fotografías; posteriormente gravan un
audio explicativo de cada imaxe, para subir logo o resultado final á
web www.falamedesansadurnino.org:
un espazo na rede no que simples fotos faladas cargan de sentido
colectivo a pequenas vivencias individuais que, so en aparencia,
semellan desconectadas.
Mais o proxecto non só pretende reflectir os tempos
pasados de San Sadurniño, senón tamén o seu presente a través de
imaxes, sons, vídeos ou documentos que nos “falen de SanSa” na
actualidade, para convertérense nun espazo vivo e integral da
memoria que sostén o devalar cotián das xentes, empresas,
asociacións ou creador@s das terras de San Sadurniño.
20.00 Coloquio
Modera Fernando Rivera, bibliotecario do
Ateneo Ferrolán.
Inscrición
Non é precisa inscrición. A asistencia é libre e
gratuita, até completar o aforo do salón de actos.
Diploma
As persoas interesadas en obter o diploma de asistencia
ás xornadas teñen que escribir a biblioteca@ateneoferrolan.org
indicando nome completo e apelidos, e número de documento de
identidade antes do día 15 de outubro. A emisión do
diploma ten un custe de 5 euros en concepto de gastos de xestión,
que se aboan no momento da entrega ao termo das xornadas na
Secretaría do Ateneo Ferrolán. É imprescindíbel asinar as follas
de control ao comezo das sesións para verificar a asistencia
efectiva do/a interesado/a.
Ningún comentario:
Publicar un comentario