Buscar neste blog

01 xaneiro 2018

Exposición Colectiva Afouzarte Do 15 de decembro de 2017 ao 12 de xaneiro de 2018


Exposición Colectiva Afouzarte
Do 15 de decembro de 2017 ao 12 de xaneiro de 2018

Afouzarte, a partir do 15 de decembro no Ateneo Ferrolán.
Verónica Fachal, Aida López e Samuel González levan a cabo a exposición Afouzarte, que contará coa participación de distintos colectivos como ASPERGA. O vindeiro día 15 de decembro a partir das 20:00 terá lugar a inauguración de Afouzarte nunha das salas de exposicións do Ateneo Ferrolán. 
Afouzarte, é dicir, dispoñer o espírito que nos leva a actuar sen temor ós perigos ou dificultades, facendo referencia á seguridade que alguén ten en mesmo, é un proxecto que pretende integrar a diferentes persoas ou colectivos no mundo da arte, sen ningún tipo de discriminación.

Comporase dun total de 40 pezas de arte abstracta realizadas por alumnos do CPI Castro Baxoi (Miño), o EEI Fernández Varela (Pobra do Caramiñal), ASPERGA e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. 

Confrontaranse obras de diferentes colectivos xeralmente afastados do mundo artístico xunto con pezas de futuros licenciados en Belas Artes, empregando a arte abstracta como medio de expresión, chegando a converter o proceso pictórico en arte-terapia. Afouzarte enlazará tódalas pezas na sala de exposicións sen ficha técnica, de xeito que o espectador debe intuir o/a autor/a de cada unha das pinturas.


A inauguración contará coa presenza do comisariado da exposición, formado por Verónica Fachal Vázquez, Aida López Fernández e Samuel González Soliño (alumnos da facultade de Belas Artes), e os directores dos centros participantes no evento. 

A exposición terá lugar ata o 12 de xaneiro de 2018.



Ningún comentario: