Buscar neste blog

28 febreiro 2022

“A ÚLTIMA TRINCHEIRA DO 72: VIVENZAS DE MULLER E DE CLASE”. Venres día 4 de marzo ás 19,30 h.


Acto “A ÚLTIMA TRINCHEIRA DO 72: VIVENZAS DE MULLER E DE CLASE”
 
Terá lugar no Ateneo Ferrolán organizado dende o núcleo do PCG en Ferrolterra.
 
Venres 4 de marzo ás 19,30 h.
 
A través da voz e experiencias de Sari Alabau, Manuela López, Fina Varela e María Alarcón.
 
Camaradas que na súa triple condición de muller, obreiras e comunistas foron o sostén dunha xornada de loita e solidariedade de clase que fixo tremer ao país.
 
Presenta o acto a camarada Belén Aneiros.

27 febreiro 2022

Presentación en Ferrol do trailer promocional do filme "10 DE MARZO" de Roi Cagiao. Venres día 4 de marzo ás 12 h.

 


O VENRES 4 DE MARZO ás 12:00 horas presentase no Ateneo Ferrolán
o trailer promocional do filme 10 DE MARZO, que aborda por primeira vez en
formato de longametraxe documental os acontementos do 10 de Marzo de 1972
en Ferrol, os feitos máis icónicos da loita polas liberdades e os dereitos sociais no
noso país no tramo final do franquismo.
 

Unha presentación que se enmarca dentro dos actos do 50 aniversario do 10
de marzo en Ferrol que contará coa presenza do director Roi Cagiao e o produtor executivo Emilio J. Fernández para a presentación do trailer oficial.
 

O filme narra, cronoloxicamente, dende a elección do xurado de empresa
en 1972, a negociación do convenio, os acontecementos dos días 9 e 10 de
marzo e a repercusión internacional dos mesmos, así como o chamado “Proceso
dos 23” no que os principais protagonistas foron xulgados tres anos máis tarde.
 

A través de entrevistas aos protagonistas dos feitos, materiais de arquivo
fotográficos e documental de época e secuencias dramatizadas sobre algún dos
momentos máis importantes da trama, o filme reconstrúe os acontecementos.
Roi Cagiao e a produtora Arthur Gordon, despois da exitosa ‘Vigo 1972’
volven a afondar na historia social galega contemporánea con este novo filme
que se estrenará en salas de cine a finais de 2022.
 

10 DE MARZO conta co patrocinio do Concello de Ferrol, o Sindicato
Nacional de CCOO Galicia e Navantia, e coa participación de Fuco Buxán,
Fundación 10 de Marzo, Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia e
Witland Centro Negocios.
 

www.galicia10demarzo.com
Redes sociais:
Facebook: https://www.facebook.com/galicia10marzo
Instagram: @10marzo_pelicula
Twitter: @GaliciaMarzo

"OS RESTOS DO FRANQUISMO EN FERROL E GALIZA" Conferencia de Manuel Monge. Xoves, 3 de marzo ás 19,30 h.

 


OS RESTOS DO FRANQUISMO EN FERROL E GALIZA
 
Conferencia de Manuel Monge. Xoves, 3 de marzo ás 19,30 horas
Manuel Monge, mestre e sociólogo, é membro do colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura. Estivo dous meses no cárcere da Coruña con motivo da mobilización en Ferrol contra o Proceso 1001 e despedido do Colexio Tirso de Molina.
 
Novamente despedido “por orden gubernativa”, cando traballaba como mestre no antigo Colexio Público Ibáñez Martín de Ferrol.
 
Nesta conferencia explicará o contido do seu libro OS RESTOS DO FRANQUISMO EN GALIZA, que recolle máis de 600 símbolos franquistas en 90 concellos. Ferrol conserva hoxe 50 símbolos franquistas, que deberían estar xa retirados en aplicación da Lei de Memoria Histórica.
 
O Pleno da corporación de Ferrol de 2 de marzo de 1981 aprobaba a retirada de 61 rúas relacionadas co franquismo. Moitas delas consérvanse no Arsenal Militar de Ferrol a pesar de que o Pleno da corporación municipal aprobou en varias ocasións solicitar ao Ministerio de Defensa a retirada desas rúas. O colectivo de presas e presos políticos de Ferrol denunciou ao Ministerio de Defensa ante a Fiscalía de Galicía por este incumprimento da Lei de Memoria Histórica, que foi remitida recentemente á Fiscalía
do Tribunal Supremo.
 
Estas son as nove rúas que se conservan no Arsenal Militar: Salvador Moreno Fernández, José María González-Llanos, Soldado Lois, Almirante Fernández Martín, Almirante Vierna, Cándido Pérez, Crucero Baleares, Almirante Honorio Cornejo e Marqués de Alborán.
 
Aínda conservan a distinción de Fillos Adoptivos ou Predilectos de Ferrol os seguintes ministros de Franco: Pedro Nieto Antúnez, Gonzalo Fernández de la Mora y Mora, José María Martínez y Sánchez-Arjona, Manuel Lora Tamayo, Jorge Vigón Suerodíaz, Fernando Suárez de Tangil y Angulo, Pablo Martín Alonso, Salvador Moreno Fernández, Juan Antonio Suanzes Fernández. Tamén son Fillos Adoptivos o golpista Francisco Núñez Rodríguez –almirante da Armada e Capitan Xeneral da Zona Marítima
do Cantábrico– e o falanxista Enrique Salgado Torres.
 
O militar golpista Juan Cardona dá nome a un hospital de Ferrol e no seu aparcamento consérvase unha escultura dedicada ao golpista Camilo Alonso Vega, coñecido na ditadura polo seu papel represor como Ministro de Gobernación. Sinala a placa:
“Capitán General, hijo predilecto de la ciudad, soldado heroico, gobernante ejemplar”.
 
A Igrexa castrense de San Francisco é un auténtico museo de exaltación do franquismo cunha cruz “a los caídos por Dios y por España” e unha placa “a los gloriosos caídos del Baleares”.