Buscar neste blog

19 xuño 2023

Exposición fotográfica "Rodolfo Ucha: O arquitecto da beleza" de Ovidio Aldegunde. Ate o 30 de setembro de 2023

 


Exposición fotográfica "Rodolfo Ucha: O arquitecto da beleza" de Ovidio Aldegunde 
no Ateneo Ferrolán ate o 30 de setembro de 2023
 
 Inauguración este xoves día 22 de xuño ás 20 h. nas salas de exposicións do Ateneo
 

Rodolfo Ucha Piñeiro: O arquitecto da beleza” é a exposición coa que se quere propoñer unha revisión actualizada do legado arquitectónico de Rodolfo Ucha Piñeiro, encargado de renovar a estética da cidade de Ferrol mediante a introdución dos novos estilos á arquitectura do seu tempo.

As fotografías de Ovidio Aldegunde traen á actualidade a obra de Ucha reivindicando o seu papel como grande arquitecto de Ferrol e creador de moitos dos seus edificios máis significativos, arquitecturas emblemáticas que constitúen verdadeiras iconas como o Teatro Jofre, o Casino, o Hotel Suizo, a Casa Antón, a Casa Pereira, a Casa Romero ou A Pescadería, entre moitos outros, poderán verse e recoñecerse en imaxes fotográficas froito da ollada máis persoal do fotógrafo ferrolán que con esta selección quere poñer de novo en valor a obra dun arquitecto que foi clave na escena galega durante todo o S.XX converténdose nun exemplo de creatividade, eclecticismo e permeabilidade cara ás novas correntes estéticas do primeiro tercio do século, recollendo no seu aspecto formal e creativo dende o Modernismo ata o Racionalismo, pasando pola Art Déco e o Novo Eclecticismo.

Ucha entendía o seu traballo como unha intervención que dotaba ao tecido urbano por medio dos edificios de elementos individualizados que debían ser singulares e distintivos, dotados de capacidade representativa para embelecer e dar carácter propio ao espazo que ocupaban. E así o fixo, esforzándose por adaptarse aos gustos estéticos imperantes en cada momento pero achegando sempre solucións eficientes e orixinais, todas elas facilmente recoñecibles por ferroláns e visitantes, e moi susceptibles de salientar no imaxinario á hora de falar do patrimonio urbano local, enriquecido sen dúbida por estas xoias arquitectónicas.




 

Ningún comentario: