Este venres 13 de marzo ás 19:30 h, o Ateneo Ferrolán acollerá a presentación do libro Laudatio Funebris. Da morte, o pranto e o alén no Reino da Galiza, unha obra dos investigadores Andrés Díaz e Eva Moreda, publicada pola editora aCentral Folque.
O libro propón unha viaxe ao universo simbólico da morte na Reino da Galiza, explorando como se expresaban o pranto, a memoria e o tránsito ao alén a través das fontes literarias e musicais da Idade Media.
Que significaba morrer na sociedade medieval galega? Os chamados prantos galego-portugueses, poemas musicados compostos no ámbito cortesán e relixioso para lembrar ás persoas falecidas, amosan que a morte non era só un feito biolóxico. Era tamén un acontecemento social, político e artístico que implicaba á comunidade e contribuía á construción da memoria colectiva.
A través destas composicións, os autores revelan un mosaico de voces e sensibilidades que permiten comprender mellor como se construían identidade, poder e recordo na sociedade medieval. Redescubrir hoxe estes textos supón tamén volver a un tempo no que a morte se representaba, cantaba e ritualizaba para darlle sentido, deixando un legado literario, lingüístico e emocional que segue dialogando coa nosa sensibilidade contemporánea.
Durante o acto participarán os dous autores, que conversarán co editor Ramon Pinheiro, director de aCentral Folque. O encontro será unha oportunidade para coñecer o proceso de investigación detrás do libro e reflexionar sobre o papel da memoria funeraria na cultura galega.A presentación está organizada por aCentral Folque en colaboración co Ateneo Ferrolán.


Ningún comentario:
Publicar un comentario