O martes 17 de marzo ás 19:00 horas, o Ateneo Ferrolán acollerá o acto de entrega do V Galardón Alvixe 8M, unha iniciativa impulsada pola Asociación Alvixe co obxectivo de recoñecer o compromiso coa memoria, a igualdade e a defensa dos dereitos das mulleres.
Nesta quinta edición, o galardón será entregado a Amada Toimil, en recoñecemento ao seu labor por manter viva a memoria das mulleres represaliadas polo franquismo. Amada Toimil é neta de Amada García Rodríguez, executada no Castelo de San Felipe en xaneiro de 1938, un símbolo da represión franquista na comarca de Ferrolterra
O acto incluirá tamén unha mesa redonda centrada na recuperación da memoria histórica e na reparación das vítimas da ditadura. Participarán María Encarnación Mayán Santos e Fernando Ocampo, que abordarán os procesos de revisión das condenas do franquismo e a importancia de continuar visibilizando ás vítimas e ás súas familias.
A entrega do galardón inscríbese nas actividades organizadas arredor do Día Internacional da Muller, nas que diferentes colectivos e entidades de Ferrol reivindican igualdade, memoria e xustiza. Desde Alvixe sublíñase a necesidade de seguir traballando para combater a violencia machista e avanzar nunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Este encontro no Ateneo Ferrolán será, ademais dun recoñecemento simbólico, un espazo de reflexión colectiva sobre o papel da memoria democrática e sobre o legado das mulleres que sufriron a represión, cuia historia continúa a ser fundamental para comprender o presente.

Ningún comentario:
Publicar un comentario