Buscar neste blog

Síguenos en...

09 novembro 2026

Gaza en directo: que pasa cando o horror se converte en espectáculo?

 Vemos imaxes de Gaza nas redes sociais, nos informativos, nos móbiles. Bombardeos, hospitais destruídos, familias que foxen, nenos e nenas entre os entullos. Pasamos dun vídeo a outro, dunha noticia á seguinte. Pero… que nos pasa cando a violencia se converte en parte da nosa rutina diaria? Estamos realmente informados ou estamos aprendendo a mirar cara a outro lado?

Estas son algunhas das cuestións que atravesan Gaza: un xenocidio televisado, o libro do escritor palestino Mohamed Safa, que presentaremos no Ateneo Ferrolán o vindeiro venres 13 de novembro, ás 19:00 horas.


Mohamed Safa, unha vida vinculada á defensa de Palestina

Nado en Cisxordania, Mohamed Safa é médico oftalmólogo e realizou os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela, especializándose posteriormente en Oftalmoloxía. Leva décadas residindo en Galicia, actualmente na zona de Corcubión, sen perder o vínculo coa súa terra de orixe.

Ao longo da súa traxectoria participou en numerosas iniciativas culturais e políticas para dar visibilidade á situación do pobo palestino. O seu compromiso tamén se reflectiu na publicación de diferentes ensaios, entre eles Palestina: grito por la libertad (2003), La revolución árabe: democracia, nacionalismo y religión (2017) e La segunda Nakba palestina: el proceso de paz (2021).

En 2025 recibiu o Recoñecemento Galego á Defensa dos Dereitos Humanos da Rede Internacional Acampa pola Paz e o Dereito ao Refuxio.


Porque non se trata só de ver o que acontece. Trátase de comprender, cuestionar, non normalizar e preguntarnos que podemos facer ante tanta barbarie.

O libro, publicado por Medulia Edicións e traducido ao galego por Xulio Valcárcel, é unha invitación a pensar, debater e non permanecer indiferentes.

Se tamén cres que hai imaxes que non deberían deixarnos indiferentes, este encontro é para ti.


Organiza: Ferrol con Palestina.

Entrada libre. Agardámoste!

Ningún comentario: