Agamme. Asociación Galega contra o Maltrato a Menores celebra as súas VI Xornadas centradas na situación das «Nenas, nenos e adolescentes nas fronteiras de Europa».
O acto terá lugar no Ateneo Ferrolan o venres 23 de novembro ás 17:00.
Nesta ocasión a xornada pretende salientar a dramática situación dos nenos, nenas e adolescentes que están a chegar ás fronteiras de Europa fuxindo da guerra, do empobrecemento e a desnutrición extremas dos seus lugares de orixe.
Crianzas desaparecidas dos centros de persoas refuxiadas en territorio comunitario, captadas por redes de trata, centros de menores non acompañados-as saturados, adolescentes vivindo na rúa en grandes ciudades europeas, nenos e nenas de curta idade que tentan suicidarse en centros de refuxiados. Os centos de menores de idade que perden a vida nas rotas terrestres e marítimas. Este é o escenario do que parte esta VI Xornada, que ten por título “Nenos, nenas e adolescentes nas fronteiras de Europa. Unha revisión dende a perspectiva de dereitos de infancia”.
O primeiro relatorio correrá a cargo de Xabier Ron, membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa fundación, docente, activista e militante de Esquerda Unida.
A continuación intervirá Ana Miranda, deputada no Parlamento Europeo polo BNG - Bloque Nacionalista Galego, membro da Comisión de Inmigración, embarcada no buque Proactiva Open Armsdurante a crise do Aquarius.
Finalizará a quenda de intervencións José Palazón, presidente da Asociación PRODEIN, que leva décadas denunciando a situación dos nenos, nenas e adolescentes non acompañados-as en Ceuta e Melilla e as condicións nas que se atopan os centros de menores destas ciudades.
Para finalizar o evento abrirase un coloquio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario