Visita a nosa Biblioteca-Hemeroteca
Pregón
A
SEN CONTO
Non
quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul.
Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a
salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos
sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese
rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo;
nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas
condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai
ou dunha fada boa.
E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.
Nunha
casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra
a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por
vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá
Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría,
que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada
por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos
aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un
conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de
protexer os máis débiles.
Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.
Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.
Gemma
Pasqual
Ningún comentario:
Publicar un comentario