O proximo venres día 6 de marzo ás 19 h., o Movemento Galego polo Clima celebra no Ateneo Ferrolán unha asemblea aberta para definir entre todas a folla de ruta do MGpC para os vindeiros meses.
O Movemento Galego polo Clima xurdiu en Galiza como resposta á convocatoria de mobilización mundial feita polo movemento xuvenil Fridays For Future (Venres por Un Futuro), co obxectivo de saír á rúa a reclamar accións urxentes que fagan fronte á mudanza climática e que garantan un futuro ecosocial xusto para todas.
Até o momento, o Movemento Galego polo Clima está conformado por máis de 85 colectivos e entidades galegas co fin de facer fronte todas xuntas á situación de Emerxencia Climática que vive o planeta enteiro, e particularmente Galiza. É por iso que temos intención de afrontar este reto tendo presente cales son as causas que máis están alentando o quecemento global no noso país e cales son as medidas que poderían evitar as consecuencias drásticas para o noso territorio e para o pobo galego no seu conxunto.
E para acadar este cometido, o MGpC está a redactar durante este primeiro trimestre do 2020 un manifesto encamiñado a establecer propostas para a transformación ecolóxica e social da Galiza, dándolle continuidade así ao manifesto do 2019.
https://movementogalegopoloclima.wordpress.com/
Ningún comentario:
Publicar un comentario