Buscar neste blog

Síguenos en...

16 outubro 2026

Proxección do documental José Suárez. A mirada humanista, de Xurxo Lobato

 

Teremos con nos o vindeiro 12 de novembro, ás 19.30 horas, a proxección do documental José Suárez. A mirada humanista, unha obra dirixida por Xurxo Lobato que nos achega á vida e ao traballo dun dos fotógrafos galegos con maior proxección internacional.

A través desta peza audiovisual, o público poderá descubrir a figura de José Suárez (1902-1974), un fotógrafo que fixo da cámara unha ferramenta para observar e interpretar o mundo, cunha especial atención ás persoas, á súa dignidade e ás condicións nas que desenvolven as súas vidas. A súa obra, marcada por unha profunda sensibilidade humanista, constitúe unha achega fundamental á historia da fotografía galega e á memoria visual do século XX.

Nado en Allariz, José Suárez desenvolveu unha traxectoria vital e artística que o levou a traballar en diferentes lugares do mundo. A súa mirada, atenta aos rostros, aos xestos e aos contextos sociais, transcende o valor documental das imaxes para construír un retrato humano da súa época. O seu traballo permite achegarse tanto á realidade galega como a outras culturas e sociedades que formaron parte da súa experiencia vital.



O documental está dirixido por Xurxo Lobato, fotógrafo e xornalista gráfico galego de ampla traxectoria, recoñecido polo seu labor na fotografía documental e pola súa contribución á difusión do patrimonio cultural de Galicia. Na dirección e fotografía desta produción, Lobato recupera a figura e o legado de Suárez, ofrecendo unha oportunidade para coñecer mellor a súa obra e a súa particular forma de entender a fotografía.

Despois da proxección duns 30 minutos teremos a oportunidade de ter un pequeno coloquio có mesmo Xurxo Lobato no que de seguro aprenderemos moito sobre a figura de José Suaréz.

A produción da Real Academia Galega de Belas Artes conta cos testemuños de persoas que coñeceron e estudaron a vida e o traballo do fotógrafo, entre elas Xosé Luís Suárez Canal, Manuel Sendón, Juan Manuel Bonet, Mónica Carabias e Carlos L. Bernárdez, entre outras. A música, con pezas de Camille Saint-Saëns e Gabriel Fauré, e as interpretacións musicais contribúen a completar esta aproximación audiovisual á figura do artista.



Con esta actividade apostase pola divulgación cultural e pola recuperación de figuras fundamentais da creación artística galega, achegando ao público obras e autores que permiten comprender mellor a nosa historia e o noso patrimonio.




Ningún comentario: