Buscar neste blog

Síguenos en...

05 outubro 2026

Comeza o novo curso do Club de Lectura do Ateneo

Mañán 5 de outubro,  ás 17:00 horas, retomamos as reunións do Club de Lectura do Ateneo Ferrolán con Anxeles Seoane para dar comezo ao novo curso 2026-2027. E facémolo cunha proposta de novela negra que nos leva directamente á Galicia máis escura e misteriosa.

Nesta primeira sesión comentaremos Asesinato en el Molino del Cura, de Arantza Portabales, publicada en 2026 e segunda entrega da serie Los crímenes de Loeiro.

A novela sitúanos en Loeiro, unha vila costeira marcada por unha matanza acontecida en 1984. Corenta anos despois, Alba Mariño regresa para enfrontarse a un pasado do que apenas conserva recordos. Un antigo crime, silencios que permanecen intactos e unha investigación na que participan a detective Iria Santaclara e César Araújo van desenterrando unha historia na que nada é exactamente o que parece.

Arantza Portabales, nada en San Sebastián en 1973 e vinculada desde nena a Galicia, é unha das voces destacadas da novela negra galega. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa carreira literaria coa microficción e posteriormente publicou novelas como Sobrevivindo, Deixe a súa mensaxe despois do sinal, Beleza vermella ou A vida secreta de Úrsula Bas. En 2024 recibiu o recoñecemento da Xunta de Galicia como autora máis lida nos clubs de lectura.

Con Asesinato en el Molino del Cura, Portabales regresa a ese universo de Loeiro, inspirado na Galicia da súa infancia, para construír unha historia na que a memoria, a presión social, os silencios dunha comunidade e os segredos familiares teñen tanto peso como a propia investigación criminal.

Será, ademais, unha sesión especial porque daremos a benvida ás novas socias que se incorporan ao Club de Lectura. Agardamos compartir con elas esta nova tempada de lecturas, conversacións e, por suposto, moitas recomendacións.




Ningún comentario: