Buscar neste blog

14 febreiro 2023

Presentación do libro: "Nos días encantados de agosto". Venres 17 de febreiro ás 19,30 h.

 

Presentación en Ferrol do libro “Nos días encantados de agosto”, unha biografía de José Gil, pioneiro do cinema galego do que é autor Manolo González

O venres 17 ás 19.30 horas no Ateneo Ferrolán terá lugar a presentación do libro editado por Galaxia “Nos días encantados de agosto”, obra de Manolo González.

Na presentación do libro organizada polo Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Ateneo Ferrolán e a Editorial Galaxia, o autor Manolo González, estará acompañado polo xornalista Nicolás Vidal e a profesora Ánxeles Seoane da directiva do Ateneo Ferrolán.

Nesta publicación o autor, ofrécenos unha viaxe apaixonada na procura do esquecido iconauta José Gil, o auténtico precursor do cinema galego, quen filmou Galicia todos os agostos entre 1910 e 1934. O seu labor pioneiro pode explicar o devalar de fitos fundacionais da nosa cinematografía: os comezos do pictorialismo, o reporteirismo fotográfico, o nacemento do cine ficcional e documental en Galicia, as primeiras marcas produtoras e laboratorios cinematográficos, o cine industrial e turístico, a relación con Portugal, o cine educativo, etnográfico e científico e tantas outras achegas do cineasta a prol da exaltación do país que tanto amaba. Un home que tentou construír Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario colectivo. Para unha historia do cinema en lingua galega.

Ningún comentario: