Buscar neste blog

Síguenos en...

10 marzo 2020

SUSPÉNDENSE as VII Xornadas de AGAMME "Ludopatía en infancia e adolescencia". Venres día 13 de marzo ás 18 h.

VII Xornadas de AGAMME "Ludopatía en infancia e adolescencia" (2ª parte)


ADIADAS

O vindeiro venres 13 de marzo AGAMME organiza a segunda parte das súas VII Xornadas, baixo o título “Ludopatía en infancia e adolescencia”. Terá lugar no Ateneo Ferrolán, a partir das 18 h.
O evento comezará cun relatorio a cargo de Antonio Rial Boubeta, profesor de psicoloxía da USC, experto en adiccións na infancia e na adolescencia. A continuación, darase paso a unha mesa redonda na que participarán representantes dos partidos políticos. Finalizará cunha quenda aberta para que o público presente poida trasladar preguntas e propostas. Contaremos coa presenza de (por orde alfabética):
  • Casal, por En Marea
  • Prado, polo Partido Popular
  • Rodil, polo Bloque Nacionalista Galego
  • Solla, pola coalición Galicia en Común
  • Torrado, polo Partido Socialista
Lembramos que o aumento alarmante do número de locais de xogo e apostas en territorio galego e o seu impacto na poboación máis nova, así como a existencia de plataformas dixitais de apostas deportivas e outros tipos de xogo on line, están causando gran preocupación na cidadanía. Nos últimos meses creáronse en Galiza diversos colectivos que se opoñen á proliferación de salóns de xogo e máquinas de apostas en puntos próximos a centros educativos, bibliotecas, etc.
Por outra banda, numerosos xogos electrónicos, que non presentan a primeira vista formato de xogo de azar ou de apostas, están supoñendo a vía de entrada neste universo de moitos rapaces e rapazas, cada vez de menor idade. Esta modalidade de xogo presenta dificultades específicas de regulación polo seu carácter electrónico e deslocalizado.
Durante o ano pasado estivo a trámite unha nova lei do xogo que modificaría a do ano 1985. Sen embargo, o texto recibiu fortes críticas por supoñer unha regulación frouxa do negocio do xogo en Galiza, favorecendo así ás empresas e non priorizando a protección da cidadanía e en especial os nenos, nenas e adolescentes como colectivo especialmente vulnerable.

http://agamme.org/vii-xornadas-de-agamme-ludopatia-en-infancia-e-adolescencia-2a-parte/ 

SUSPENDIDA a Palestra "O rural galego sobre a mesa". Xoves día 12 de marzo ás 19 h.


SUSPENDESE #CORONAVIRUS

O xoves, 12 de marzo chega a campaña "O rural galego sobre a mesa" a Ferrol cunha palestra para analizar a crise do mundo rural e da agricultura con Xoán Carlos Carreira e Xosé María García. 
No #AteneoFerrolan ás 19:00 horas. #Oruralgalegosobreamesa

09 marzo 2020

Presentación da novela do xornalista Félix Soria, “Irán a por ti”. Mércores día 11 de marzo ás 19,30 h.

A novela “Irán a por ti”, do xornalista Félix Soria, presentarase o vindeiro mércores, 11 de marzo, no Ateneo Ferrolán.

O vindeiro mércores, 11 de marzo, as 19:30 horas, terá lugar no Ateneo Ferrolán a presentación da novela do xornalista Félix Soria, “Irán a por ti”. No acto de presentación, organizado polo Club de Prensa de Ferrol, participará o escritor Xavier Alcalá.
 
"Irán a por ti" é unha novela negra e fresco social que relata as vidas de personas orixinarías de Galicia, Andalucía, Aragón e Catalunya que conflúen na Barcelona dos primeiros anos setenta nun episodio “coral” no que o tempo e o lugar son secundarios.
 
Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e nunha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/

04 marzo 2020

Club de Lectura con "Fábulas" de Concepción Arenal. Martes día 31 de marzo ás 17,30 h.



 

 

 

 

 

Club de Lectura con "Fábulas" de Concepción Arenal

O martes día 3 e 31 de marzo ás 17,30 h. no Ateneo

O Club de Lectura do #AteneoFerrolán con #ConcepciónArenal
A próxima lectura será o martes día 31 de marzo (por mor dos festivos de abril)

Animamos a tod@s a participar desta emblemática actividade. Dende o ano 2002 que formamos no Ateneo Ferrolán o noso CLUB DE LECTURA, segue levándose a cabo todos os primeiros martes de cada mes.

Estamos a ler "Fabulas" de Concepción Arenal

A estrutura do libro está composta por cincuenta poemas de extensión variable. Tres poemas alcanzan ou superan os cen versos, sendo o máis extenso o VI A verdade na feira, que conta con cento sesenta e seis versos. O o outro extremo, hai nove que están por baixo dos vinte e cinco versos, sendo o máis curto o XXVI.

Están escritas en verso, cúmpre a súa finalidade didáctica e todos os versos terminan nunha ensinanza baseadas no sentido común e na experiencia serena. Nunhas fábulas o diálogo corresponde a persoa, noutras a animais. O sentido da xustiza da que fose avogada penalista queda, igualmente, patente.

Encontros coa LECTURA onde xúntanse 20 socios e socias todos os primeiros martes de cada mes para reflexionar e comentar un libro guiados pola profesora ANXELES SEOANE.

03 marzo 2020

Asemblea Aberta do Movemento Galego polo Clima. Venres día 6 de marzo ás 19 h.

O proximo venres día 6 de marzo ás 19 h., o Movemento Galego polo Clima celebra no Ateneo Ferrolán unha asemblea aberta para definir entre todas a folla de ruta do MGpC para os vindeiros meses.

O Movemento Galego polo Clima xurdiu en Galiza como resposta á convocatoria de mobilización mundial feita polo movemento xuvenil Fridays For Future (Venres por Un Futuro), co obxectivo de saír á rúa a reclamar accións urxentes que fagan fronte á mudanza climática e que garantan un futuro ecosocial xusto para todas.

Até o momento, o Movemento Galego polo Clima está conformado por máis de 85 colectivos e entidades galegas co fin de facer fronte todas xuntas á situación de Emerxencia Climática que vive o planeta enteiro, e particularmente Galiza. É por iso que temos intención de afrontar este reto tendo presente cales son as causas que máis están alentando o quecemento global no noso país e cales son as medidas que poderían evitar as consecuencias drásticas para o noso territorio e para o pobo galego no seu conxunto.

E para acadar este cometido, o MGpC está a redactar durante este primeiro trimestre do 2020 un manifesto encamiñado a establecer propostas para a transformación ecolóxica e social da Galiza, dándolle continuidade así ao manifesto do 2019.

https://movementogalegopoloclima.wordpress.com/

28 febreiro 2020

Exposición "Don Ricardo de Fingoi (Carvalho Calero en Lugo)". Luns día 2 de marzo ás 19,30 h.

A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto, xunto ca Real Academia Galega e o colectivo Egeria, comprácese en convidala/o á inauguración da exposición 
"Don Ricardo de Fingoi (Carvalho Calero en Lugo)" 
  luns, 2 de marzo, ás 19:30 horas no Ateneo Ferrolán.

Inauguración da mostra Don Ricardo de Fingoi (Carvalho Calero en Lugo), que conmemora os 15 anos en que o autor a quen a Real Academia Galega (RAG) lle dedicará o vindeiro 17 de maio residiu na cidade da Muralla para exercer como profesor.

A exposición Don Ricardo de Fingoi, elaborada polo Colectivo Egeria para dar conta da presenza en Lugo de Ricardo Carvalho Calero entre 1950 en 1965, conta co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e a colaboración da RAG e do Colexio Fingoi. Consta de trece paneis que percorren a relación do autor das Letras Galegas 2020 coa cidade da Muralla, acompañados de sinaladores de lectura e dun folleto que recolle os mesmos contidos dos paneis.

 https://www.facebook.com/events/592066304969779/

27 febreiro 2020

Exposición de Pinturas "Nais da Terra" de Montse Pernas


Exposición de Pinturas "Nais da Terra" de Montse Pernas
Do 2 ao 31 de marzo na Salas de Exposicións (Sala 2) do #Ateneo

Inauguración este venres día 28 de febreiro ás 19,30 h.
Entrada libre

18 febreiro 2020

Entrevista ao responsable da Biblioteca – Hemeroteca «Ángeles Alvariño» do Ateneo Ferrolán



 






 Entrevista ao responsable da Biblioteca – Hemeroteca «Ángeles Alvariño» do Ateneo Ferrolán, unha entidade cultural fundada en 1879 e que desde entón mantén vixente o seu compromiso coa cultura na cidade de Ferrol.

Archivoz: International Archives Magazine

A cidade de Ferrol foi berce de numerosas cabeceiras, moitas delas de carácter efémero apenas superaron o primeiro número, outras aínda perviven, aínda que lle fosen amputadas á cidade, como o diario El Correo Gallego. Esta cabeceira, nacida en Ferrol foi trasladada a Santiago de Compostela en plena guerra civil. Todas estas cabeceiras son como instantáneas mecanoscritas da historia, fiel reflexo dun momento da cidade. Na Hemeroteca do Ateneo conservamos exemplares de gran interese –moitos deles únicos– da prensa local dos séculos XIX e XX.

Por outra banda, a colección da biblioteca está orientada cara aos estudos de carácter local. Queremos ser moi selectivos con esta colección sobre, temas ferroláns e galegos, que na actualidade crece grazas a doazóns públicas e privadas que son sempre moi benvidas. Como mostra da importancia deste tipo de coleccións, este ano por exemplo temos dúas celebracións protagonizadas por personaxes históricos ferroláns que transcenden o interese local, como son a conmemoración do 200 aniversario do nacemento de Concepción Arenal, ou a celebración do Día dás Letras Galegas en homenaxe á figura de Ricardo Carvalho Calero.

As nosas coleccións son o reflexo do devir histórico do Ateneo Ferrolán como entidade, e da cidade en xeral. Gonzalo Torrente Ballester dicía sobre a súa cidade natal que é “unha cidade lóxica situada nunha terra máxica”. Ferrol foi creada a mediados do século XVIII practicamente desde a nada para erixir os Reais Arsenais da Armada seguindo os ideais de racionalidade da Ilustración. Esta inxente realización atraeu a miles de persoas, chegando a ser a primeira cidade de Galicia en número de habitantes no último terzo do XVIII.

Desde entón ata hoxe a cidade está suxeita e acusa especialmente as vicisitudes históricas de Galicia e España, pola súa forte dependencia das políticas estatais cos seus núcleos de decisión por centos de quilómetros, acentuando os efectos das cíclicas crises sociais e económicas. No seo da sociedade local, altamente estamental, creceron os ideais conservadores e liberais; e tamén o movemento obreiro, xa que Ferrol era unha illa industrial nunha Galicia que foi practicamente allea á revolución das máquinas.

 Entrevista completa: https://www.archivozmagazine.org/fernando-rivera-ateneo-ferrolan/

#Ateneo #SomosCultura #SomosIlustración #FerrolEnPositivo

Día de Rosalía de Castro. Venres día 21 de febreiro ás 20 h.


conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Ao redor do 24 de febreiro en diversos espazos e localidades organízanse lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro. En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou o escritor Daniel Asorey.

No #AteneoFerrolán realizarase o venres 21 de febreiro ás 20 h. coa participación de: Mariola Hermida, Rosa Martínez, Aurora Varela e Rosa Méndez.

Compartimos as palabras do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2020, Ricardo Carvalho Calero, sobre a nosa poeta, a quen dedicou gran parte do seu rigoroso traballo crítico: “A realidade rosaliana é particularmente complexa -mesmo, a nível superficial, contraditória, ainda que, a nível profundo, se conciliem as contradiçons na raiz unitária da singularidade pessoal de Rosalia. […] Enfim, Rosalia é umha rosa de cem folhas.”

#ErrantesPoloMundo_rdc_20 #LetrasGalegas #SomosCultura

https://www.facebook.com/events/2726556224281320/ 



12 febreiro 2020

Andrés Comerma y Batalla elixido "Científico Galego do Ano 2020"

Andrés Comerma está considerado unha das figuras clave da enxeñaría naval en España. 
Esta fotografía apareceu no Almanaque Gallego de 1913.

O “visionario” enxeñeiro Andrés Comerma, Científico Galego do Ano 2020

O investigador, que viviu gran parte da súa vida en Ferrol, foi tamén farmacéutico, xornalista e impulsor de diversas iniciativas culturais na cidade

É unha das figuras clave da tecnoloxía naval en España nos últimos séculos. Ideou e dirixou a construción do Dique da Campá de Ferrol, foi fundador tamén en 1879 do Ateneo Ferrolan
  
Recoñecido na comunidade científica como unha das figuras máis relevantes da tecnoloxía naval española dos últimos séculos, Comerma foi o autor do proxecto e director da construción da obra máis importante realizada en Galicia en todo o século XIX: o Dique da Campá no Arsenal de Ferrol, que polas súas dimensións se converteu nun dos máis grandes do mundo na súa época.

O enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador Andrés Comerma y Batalla (1842-1917) será o homenaxeado este ano no 
Día da Ciencia en Galicia

A celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas e, en moitos casos, descoñecidas para o gran público. 
O carácter polifacético e visionario deste intelectual, xunto coas importantes achegas en termos de progreso e modernidade que o seu traballo supuxo para Galicia, foron os principais motivos da súa elección unánime por parte do pleno da RAGC.

O acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro, a RAGC iniciará de inmediato os contactos con todas as institucións científicas vinculadas a Comerma para organizar nos vindeiros meses actividades de difusión e divulgación sobre a súa figura.

Info:  https://www.gciencia.com/ciencia/andres-comerma-cientifico-galego-2020/

 

10 febreiro 2020

"XORNADA DE PREVENCIÓN E ACTUACIÓN ANTE O ACOSO ESCOLAR E CIBERACOSO”. Sábado 15 de febreiro de 10 a 14 h.


Dende a Federación Comarcal de Ferrolterra de ANPAs de Centros Públicos (FEANPAs) queremos convidarvos a participar desta

"XORNADA DE PREVENCIÓN E ACTUACIÓN ANTE O ACOSO ESCOLAR E CIBERACOSO” 

Data: SÁBADO 15 de FEBREIRO
Hora: 10.00 a 14.00 h.
Lugar: ATENEO FERROLÁN (sito na rúa Magdalena nº 202 - 204 de Ferrol)

Nela aprenderemos sobre esta lacra que é o ACOSO ESCOLAR, falaremos das súas características e do agravamento deste tipo de violencia, como consecuencia da entrada en escena de Internet e as redes sociais.

Afondaremos nas causas, na detección, nas consecuencias e na prevención a través das distintas ponencias.

É RESPONSABILIDADE CONXUNTA da comunidade educativa e de toda a sociedade evitar que o acoso siga existindo.

Lembrámosvos que a entrada é aberta a calquera persoa que queira achegarse, mais están adicadas especialmente a todas as nais e pais de alumnas/os que, de calquera maneira partcipan nas ANPAS, coa intención de que poidamos aprender e resolver cantas dúbidas podan xurdir.
Xuntamos a este correo o cartaz e programa da xornada para que teñades a información completa.

Agardamos contar coa vosa presencia neste acto.

07 febreiro 2020

Presentación do libro "Homenaxe a Santiago Alvarez (1913-2002)". Venres 14 de febreiro ás 19 h.



Venres día 14 de febreiro ás 19 h. no #AteneoFerrolán

Presentación do libro "Homenaxe a Santiago Alvarez (1913-2002)" 
o libro dos amigos, camaradas e admiradores.

Interveñen:
Manuel Peña-Rey Bouzas (Presidente de Honra do PCG e Coordinador da biografía)
Carlos Portomeñe Pérez (Ex-Secretario Xeral do PCG)


Coa publicación desta obra o Partido Comunista quere render tributo á figura do comunista ourensán Santiago Álvarez Gómez, dirixente histórico do PCG do que foi fundador e primeiro secretario xeral.
 

A súa traxectoria, dende a labor desempeñada na organización do campesiñado galego a partir do ano 31, a súa participación como como comisario político na Guerra Civil ou o seu papel decisivo na dirección e rearticulación do Partido Comunista, son imprescindibles para comprender a historia do movemento comunista en Galicia e España.
No libro recóllese unha selección das miles de páxinas das súas memorias e da súa obra “Castelao y nosotros los comunistas”, numerosas colaboracións por parte de amigos e camaradas, unha reseña biográfica elaborada polo historiador Víctor Santidrián, así como un epílogo do profesor Alonso Montero. A coordinación da edición e o prólogo corresponde a Manuel Peña-Rey con ilustracións do pintor Xaime Quessada.

03 febreiro 2020

Exposición pictórica "Hipster" de Marla Chacón. Do 5 ao 27 de febreiro


Exposición pictórica "Hipster" de Marla Chacón

Do 5 ao 27 de febreiro de 2020
Salas de Exposicións do Ateneo (sala 1)

Inauguración mércores día 5 de febreiro ás 19,30 h.