Exposición do XIV Premio Ksado de Creación Fotográfica
Do 6 de maio ao 6 de xuño de 2021
As salas do Ateneo Ferrolán acollerán dende o 6 de maio ao 6 de xuño deste ano 2021 unha exposición cos traballos premiados na decimocuarta edición do
galardón de Creación Fotográfica Luis Ksado da Deputación da Coruña.
Trátase dun premio que xa é un referente no eido da fotografía en
Galicia e mesmo en España.
Tendo en conta a significación especial que, para a difusión das artes
da imaxe e, especialmente da fotografía, posúe, dende hai tempo a nosa
provincia e coa finalidade de contribuír á conservación da memoria de
personaxes tan representativas neste campo como foi Luís Ksado, a
Deputación da Coruña convoca o Premio “Luís Ksado” de Creación
Fotográfica.
O vindeiro día 6 de maio abrirase no
Ateneo Ferrolán a exposición do XIV Premio Ksado de Creación Fotográfica da Deputación da Coruña. A
colección "Fillos de Breogán" do lugués Alejandro Real e "Gangborder" de
Javier Arcenillas, gañadores do certame, poderanse ver en Ferrol até o 6 de xuño nunha itinerancia que visitará varios concellos da
provincia da Coruña.
"A vontade da Deputación da Coruña é
contribuír á difusión das obras gañadoras dos nosos premios culturais e,
neste sentido, a itinerancia da exposición do Premio Ksado permitirá
que moito máis público coñeza as obras premiadas e tamén se mostren en
concellos pequenos, con máis dificultade para a programación cultural de
artes plásticas", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.
Da colección de Alejandro Real, "Fillos
de Breogán", o xurado destacou que se trata dunha "serie moi consistente
cunha forma pouco usual e moi orixinal de achegarse ao motivo
fotografado"
En canto "Gangborder" de Javier
Arcenillas, trátase, segundo o xurado, "dunha aposta de fotoxornalismo
impecable, con moita forza e supón un relato redondo sobre un conflito
case esquecido".
Alejandro Real naceu en Lugo en 1983. Os
seus comezos na fotografía datan do 2008 de forma autodidacta aínda que
logo completa a súa formación como Técnico Superior de Artes Plásticas e
deseño en Fotografía Artística na Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo.
Gañou premios como o do Maratón fotográfico do campus de Lugo, o
Concurso de relato fotográfico Dra. Susana Santeiro ou o concurso
Findecurta. Os seus comezos foron na fotografía dixital, mais pronto
empeza a se interesar pola fotografía clásica, traballando na
actualidade en grande formato analóxico.
Javier Arcenillas naceu en 1973 en
Salamanca e, como fotoxornalista, desenvolve ensaios humanitarios en que
os protagonistas están integrados en sociedades que limitan e agreden
toda razón e dereito. Gañou importantes premios internacionais, como o
Arts Press Award, Kodak Joung Photographer, Euro Press de Fujifilm,
Terceiro premio FotoPres, Luís Ksado, Poyi, Eugene Smith Grant ou World
Press Photo. As súas reportaxes máis completas pódense ver en
publicacións coma Time, Spiegel, Stern, Lens El Periódico de Guatemala,
El País, El Mundo, Sunday Times, Gatopardo ou IL Magazine. Ten catro
libros publicados como "City Hope", "Welcome", "Sicarios"
"UFOpresences".