Buscar neste blog

21 decembro 2016

Exposición Fotográfica "Desde que soy lector" de Pablo Prados. Do 18 de novembro ao 31 de decembro.


Exposición Fotográfica "Desde que soy lector" de Pablo Prados

Do 18 de novembro ao 31 de decembro de 2016 
Sala de Exposicións (2) do #Ateneo


"Desde que soy lector" representa unha mirada á diversidade a través da fotografía: o libro, a lectura e as distintas formas de ler e interpretar o mundo a través do obxectivo do fotógrafo Pablo Prados.

As  imaxes que se poderán ver no Ateneo Ferrolán ata o próximo xaneiro son o punto de partida dunha obra en construción, ideada como un itinerario de estilos, conceptos e representacións co foco posto na cultura como canle fundamental para entender o mundo en todas as súas dimensións e para achegarse a cada unha das minorías na súa complexidade enriquecedora e necesaria.

As artes ao servizo da cultura. A cultura como espazo de expresión.

Pasaron xa máis de 15 anos desde que Pablo Prados realizou a súa primeira exposición, pero non foi ata os últimos anos ata que decide dedicarse profesionalmente á fotografía, realizando exposicións individuais nas principais cidades galegas, desde A Coruña, ata Lugo ou Santiago e, como non, na súa propia cidade, Ferrol.

Actualmente colabora en distintos proxectos nacionais e internacionais de carácter cultural e audiovisual que enriquecen a súa visión dándolle unha perspectiva máis ampla.

A obra de Pablo Prados concrétase na procura constante do detalle. A fotografía dixital sen outros axustes que os básicos, conforman a base técnica do seu traballo. Conceptualmente, as súas imaxes non só ven senón que ademais poden ser lidas, xa que cada unha delas encerra unha historia moito máis complexa na que o protagonista é o suxeito da acción.  A metáfora ao servizo da imaxe e a imaxe ao servizo da poesía caracterizan un traballo multidisciplinar en constante evolución que poderá visitarse ata o próximo xaneiro no Ateneo Ferrolán.

Ningún comentario: