“Bodegón do prato amarelo”
Un novo cadro doado ao Ateneo Ferrolán
Os
fillos do pintor e escritor Tomás Barros Pardo (1922-1986) doan o
óleo “Bodegón do prato amarelo” ao Ateneo Ferrolán para
premiar e agradecer o gran labor e os esforzos realizados por esta
entidade durante toda a súa prolongada existencia en prol da
expansión cultural neste concello e en Galicia en xeral.
Tomás
Barros traballou e investigou en diferentes campos intelectuais e
artísticos existindo discrepancias á hora de inclinarse polos máis
destacados, pero absoluta unanimidade acerca das raíces humanistas
que os caracterizan. Comezou coas súas inquietudes artísticas e
intelectuais desde a súa mocidade polo Ferrol dos anos 40.
Discípulo, con José González Collado e Ricardo Segura Torrella, de
Bello Piñeiro, termina estudando Belas Artes en Madrid. A finais de
1951, xunto con Miguel Carlos Vidal - posteriormente Mario Couceiro -
e inducidos desde tempo atrás por Ricardo Carballo Calero, cofundan
e editan a revista de poesía e crítica literaria “Aturuxo”,
unha das máis carismáticas e apreciadas na España daqueles tempos.
É soamente no campo da filosofía - polo que máis sentía atraído
- onde se quedou inédito todo o seu traballo.
Este
acto súmase a unha serie doutros similares que perseguen depositar
gran parte da obra plástica máis representativa do artista en
entidades públicas e asociacións de relevancia afíns á súa
persoa para que todos aqueles que queiran contemplala ou investigala
poidan acceder a ela.
Acto de entrega ao Ateneo Ferrolán por parte do fillo do pintor Tomas
Pedro Barros Cao o 14 de setembro 2017 e que pasará a formar parte do patrimonio artístico desta entidade.
Na foto membros da Xunta Xestora e Tomás Barros (fillo)
Ningún comentario:
Publicar un comentario