O venres 19 de decembro as 19h, Ateneo Ferrolán acolle unha nova edición das Xornadas da Gaita Antón Varela “Tonecho”, unha cita xa clásica dedicada á posta en valor da música tradicional galega, da súa artesanía e das novas creacións.
Abrirá a xornada Xoán Manuel Tubío Fernández (Xaneco), luthier e artesán de referencia no panorama galego. Vinculado á música tradicional dende os anos oitenta, formou parte de numerosos grupos e colectivos e leva máis de tres décadas dedicado á construción de instrumentos, especialmente de percusión e zanfonas, empregando madeiras autóctonas e criterios de investigación histórica.
Foi impulsor da primeira Mostra de Artesáns de Instrumentos da Música Tradicional en Galiza, socio fundador da asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá e Premio Antón Fraguas de Artesanía de Galicia no ano 2014. O seu traballo combina tradición, innovación e un profundo compromiso coa cultura galega.
![]() |
| Xaneco (Luthier) |
A continuación, María López presentará o seu disco “Daydreaming”, un proxecto persoal no que expresa emocións e sentimentos a través dunha colección de pezas sen etiquetas nin límites estilísticos. O álbum, composto e interpretado integramente por ela, busca tamén dar visibilidade a instrumentos habitualmente ligados a xéneros concretos, demostrando a súa versatilidade noutros repertorios.
Nacida en Narón no ano 2004, María López é multiinstrumentista, titulada en Gaita e Piano, e formouse tamén en zanfona con algúns dos principais referentes internacionais. Con só 14 anos converteuse na gañadora máis nova e na primeira muller galega en obter o Trofeo MacCrimmon no Festival Intercéltico de Lorient. Ao longo da súa traxectoria colaborou con artistas como BellónMaceiras, Susana Seivane ou Carlos Núñez, consolidándose como unha das figuras máis prometedoras da música galega actual.
![]() |
| Maria López |
Un encontro entre memoria, artesanía e futuro, no espírito das Xornadas da Gaita “Tonecho”.
Entrada libre ata completar capacidade




























