MARTES de CINE no Ateneo Ferrolán
Ciclo: "Cine feito por mulleres"
Todos os martes ás 19 h. do 27 de abril ao 25 de maio de 2021
MARTES de CINE no Ateneo Ferrolán
Ciclo: "Cine feito por mulleres"
Todos os martes ás 19 h. do 27 de abril ao 25 de maio de 2021
Exposición do XIV Premio Ksado de Creación Fotográfica
Do 6 de maio ao 6 de xuño de 2021
As salas do Ateneo Ferrolán acollerán dende o 6 de maio ao 6 de xuño deste ano 2021 unha exposición cos traballos premiados na decimocuarta edición do galardón de Creación Fotográfica Luis Ksado da Deputación da Coruña. Trátase dun premio que xa é un referente no eido da fotografía en Galicia e mesmo en España.
Tendo en conta a significación especial que, para a difusión das artes da imaxe e, especialmente da fotografía, posúe, dende hai tempo a nosa provincia e coa finalidade de contribuír á conservación da memoria de personaxes tan representativas neste campo como foi Luís Ksado, a Deputación da Coruña convoca o Premio “Luís Ksado” de Creación Fotográfica.
O vindeiro día 6 de maio abrirase no Ateneo Ferrolán a exposición do XIV Premio Ksado de Creación Fotográfica da Deputación da Coruña. A colección "Fillos de Breogán" do lugués Alejandro Real e "Gangborder" de Javier Arcenillas, gañadores do certame, poderanse ver en Ferrol até o 6 de xuño nunha itinerancia que visitará varios concellos da provincia da Coruña.
"A vontade da Deputación da Coruña é contribuír á difusión das obras gañadoras dos nosos premios culturais e, neste sentido, a itinerancia da exposición do Premio Ksado permitirá que moito máis público coñeza as obras premiadas e tamén se mostren en concellos pequenos, con máis dificultade para a programación cultural de artes plásticas", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.
Da colección de Alejandro Real, "Fillos de Breogán", o xurado destacou que se trata dunha "serie moi consistente cunha forma pouco usual e moi orixinal de achegarse ao motivo fotografado"
En canto "Gangborder" de Javier Arcenillas, trátase, segundo o xurado, "dunha aposta de fotoxornalismo impecable, con moita forza e supón un relato redondo sobre un conflito case esquecido".
Alejandro Real naceu en Lugo en 1983. Os seus comezos na fotografía datan do 2008 de forma autodidacta aínda que logo completa a súa formación como Técnico Superior de Artes Plásticas e deseño en Fotografía Artística na Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo. Gañou premios como o do Maratón fotográfico do campus de Lugo, o Concurso de relato fotográfico Dra. Susana Santeiro ou o concurso Findecurta. Os seus comezos foron na fotografía dixital, mais pronto empeza a se interesar pola fotografía clásica, traballando na actualidade en grande formato analóxico.
Javier Arcenillas naceu en 1973 en Salamanca e, como fotoxornalista, desenvolve ensaios humanitarios en que os protagonistas están integrados en sociedades que limitan e agreden toda razón e dereito. Gañou importantes premios internacionais, como o Arts Press Award, Kodak Joung Photographer, Euro Press de Fujifilm, Terceiro premio FotoPres, Luís Ksado, Poyi, Eugene Smith Grant ou World Press Photo. As súas reportaxes máis completas pódense ver en publicacións coma Time, Spiegel, Stern, Lens El Periódico de Guatemala, El País, El Mundo, Sunday Times, Gatopardo ou IL Magazine. Ten catro libros publicados como "City Hope", "Welcome", "Sicarios" "UFOpresences".
Enlace vídeo recital: https://youtu.be/mJSXhijeKoo
Un ciclo de actividades culturais achegará ao público o relato da guerra na arte contemporánea de Galicia
Coordinado pola historiadora da arte Rosario Sarmiento e patrocinado pola Deputación da Coruña, o programa cultural inclúe a celebración dun ciclo de conferencias e a difusión de materiais divulgativos en formato audiovisual e impreso
A iniciativa bota a andar nas comarcas da Coruña, Ferrol e Santiago con máis dunha ducia de actividades programadas en xaneiro e febreiro
Esta iniciativa, organizada pola firma cultural A Forxa, co patrocinio da Deputación da Coruña, e coordinada pola historiadora da arte Rosario Sarmiento (www.rosariosarmiento.gal), quere achegar á sociedade galega o relato da guerra a través da arte contemporánea de Galicia.
“A guerra, os seus protagonistas, os seus escenarios e as súas consecuencias ten sido na arte contemporánea un tema sobre o que moitos creadores traballaron, denunciando moitas veces os abusos, as atrocidades e a dor que sempre deixa tras de si calquera conflito armado”, explica Rosario Sarmiento. Sen embargo, “non será ata finais do século XVIII e comezos do século XIX, cando a maneira máis académica de relatar as guerras como acontecementos heroicos ou grandiosos será posta en cuestión por un artista como Francisco de Goya, que marcará a modernidade deste xénero artístico”, apunta.
En Galicia, Ramón Parada Justel, un dos compoñentes da chamada Xeración Doente será pioneiro nesta denuncia en 1899, co cadro A familia do anarquista o día da execución, sendo un dos nosos primeiros creadores contemporáneos que se achega á temática da violencia da guerra. “O golpe de estado de 1936, coa represión, o terror e a tremenda experiencia da Guerra Civil serán claves para o posicionamento e a denuncia de moitos dos artistas que contribuirán á modernidade da creación plástica nas primeiras décadas do século XX en Galicia”, sinala Sarmiento.
Nomes como Luis Seoane, Castelao, Colmeiro, Arturo Souto e Federico Ribas denunciarán aos responsables do golpe e a dramática situación da poboación civil. Tamén Isaac Díaz Pardo, Conde Corbal, Agustín Pérez Bellas, Mercedes Ruibal, Xaime Quessada, Francisco Leiro, Jorge Castillo, Reimundo Patiño, Xavier Correa, Antón Patiño ou Caxigueiro expresarán o seu compromiso e deixarán en moitas obras a súa mirada de compromiso fronte á realidade da guerra.
Esa mirada é a que se achegará ao público da provincia coruñesa con este ciclo cultural que comprende un amplo programa de conferencias e a difusión destas obras a través de diversos materiais audiovisuais e impresos, coa edición de máis de 2.000 folletos e carteis.
A iniciativa bota a andar este mes, con actividades xa programadas na Coruña, Sada, Betanzos, Oleiros, Santiago e Ferrol.
Máis información
Rosario Sarmiento 619 723 760
Revista trimestral do Ateneo Ferrolán "ATENEA 46" - Outono 2020
Saúdavos a nova revista ATENEA DIXIT
Despois de un longo período sen editala, a Xunta Directiva,estimamos que deberíamos facer un esforzo en retomar o contacto directo cos socios e socias para recoñecerlles que a súa fidelidade é a que permite esta edición e que este formato dixital pode converterse nese nexo, tan necesario. Si ben é certo que este formato adquire outra dimensión o certo é que sen socios e socias non habería esta revista, grazas.
Enlace Revista Atenea 46:
https://drive.google.com/file/d/1pOCw_djTeWfHwwSLvIwwUMdB7dFb4Ewa/view?usp=sharing