Buscar neste blog

23 febreiro 2026

Exposición de collage " Rompendo nasas" de Miriam Al- Fakhouri Gómez .

Inauguración da exposición “Rompendo nasas” de Mirian Al Fakhouri Gomez no Ateneo Ferrolán

O vindeiro día 27 ás 19:00 horas, nasa sala 2, andar 3  o Ateneo Ferrolán abre as súas portas para acoller a inauguración de “Rompendo nasas”, a nova exposición de collage de Mirian Al Fakhouri Gomez.

“Rompendo nasas” é moito máis ca unha mostra artística: é unha declaración colectiva. Un berro visual que fala de nós. Somos nós rompendo as barreiras e as trampas que a sociedade nos pon —e nos impón— nos contextos de xénero, culturais e sociais. Somos nós rachando límites invisibles, cuestionando moldes herdados e reconstruíndo espazos propios.

A través de imaxes potentes e cargadas de simbolismo, Mirian preséntanos mulleres que rachan co establecido, que conquistan obxectivos, que ocupan espazos persoais, sociais e vitais que durante tanto tempo lles foron negados. Mulleres que avanzan, que resisten, que crean. Mulleres que non só sobreviven, senón que transforman.

Cada collage é unha peza de resistencia e tamén de encontro. Porque “Rompendo nasas” fala de romper, si, pero tamén de tecer. De tecer redes. As nosas redes. Redes de apoio, de sororidade, de complicidade e de forza compartida. Redes que nos sosteñen cando o peso é grande, e que nos impulsan cando queremos voar máis alto.

As texturas, as capas superpostas, os fragmentos que se reconstrúen en novas narrativas visuais convértense nunha metáfora do propio proceso de empoderamento: romper para volver crear, caer para erguerse, desfacer para recompoñer con máis conciencia e liberdade.

Convidámosvos a acompañarnos nesta inauguración e a compartir un espazo de arte, reflexión e comunidade. Será unha ocasión para dialogar coa artista, descubrir o seu universo creativo e celebrar xuntas a forza de romper nasas… e de tecer as nosas redes.

📍 Ateneo Ferrolán
📅 Día 27
🕖 19:00 h

Agardámosvos para seguir rompendo… e tecendo.

Ningún comentario: