Ás portas do Día Internacional da Muller, queremos abrir as portas do Ateneo para compartir coñecemento, experiencias e pensamento crítico da man de tres mulleres referentes nos ámbitos da educación, a investigación, a arqueoloxía e a creación literaria.
As ponentes
María Pardo Fernández ( Alter ego en redes Karina Castelao)
Pedagoga, articulista e activista feminista, María Pardo Fernández conta cunha sólida traxectoria académica e profesional no eido da educación e da investigación pedagóxica. Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación pola USC , con maestrado en Metodoloxía da Investigación Pedagóxica na Universidade do Minho en Braga ( Portugal), desenvolveu tamén un importante labor no ámbito das novas tecnoloxías aplicadas ao ensino no proxecto MINERVA da devandita universidade e como profesora asistente.
Foi codirectora do Centro de Apoio Psicopedagóxico “Castelao” da Coruña e membro fundadora da Plataforma do Feminismo Radical de Galicia, onde realiza labores de coordinación e divulgación. Ademais, é creadora do blog A Esquina Feminista (Ver aqui), colaboradora en medios como InfoLibre e Diario El Común, e voz habitual no podcast O Aquelarre .
---
Cristina Seoane Novo
Doutora en Historia con especialidade en Arqueoloxía pola USC, Cristina Seoane Novo é especialista na Cultura Material dos castros do Noroeste Peninsular, centrando a súa investigación nas relacións entre a olería e a metalurxia do bronce na Idade do Ferro.
Na actualidade exerce como arqueóloga profesional autónoma e continúa a súa formación en Conservación e Restauración de Bens Culturais en Pontevedra. Desde o feminismo, promove unha Arqueoloxía máis inclusiva, impulsando a presenza das mulleres na práctica profesional e na investigación académica, así como o desenvolvemento da Arqueoloxía Feminista e dos estudos sobre as mulleres na sociedade castrexa .
---
Miriam Couceiro Castro
Nada en Ordes en 1985, Miriam Couceiro Castro é escritora, socióloga e feminista galega. Doutora en Equidade e Innovación Educativa pola UDC, a súa obra combina investigación social, análise crítica e creación literaria.
Converteuse nunha voz destacada do feminismo galego contemporáneo coa publicación do ensaio A Galiza feminista, onde ofrece un percorrido polo movemento feminista en Galicia. Busca achegar o feminismoá soceidade de xeito accesible. Tebras e alboradas (Galaxia, 2021). En 2024 publicou a súa primeira novela, De óxido e diamantes, unha obra que afonda nas relacións entre mulleres e nas dinámicas marcadas polo compromiso social e de xénero .
Coordina e presenta Sonia Mauriz Pereira, secretaria do Ateneo, Licenciada en Humanidades, activista, articulista en Diario El Común e membra fundadora da PFRG.
---
Un espazo para pensar xuntas
Estas xornadas nacen coa vontade de crear comunidade e fortalecer o pensamento feminista desde Galicia, poñendo en diálogo distintas disciplinas e experiencias vitais.
Convidamos a todas as persoas interesadas a participar nesta tarde de reflexión compartida, no camiño cara ao 8M, para seguir construíndo espazos de liberdade, análise crítica e compromiso colectivo.
Lugar: Ateneo Ferrolán
Data: Venres, 6 de marzo
Hora: 18:00 h
Ningún comentario:
Publicar un comentario