O xoves 5 de febreiro ás 19:30 horas, o Ateneo Ferrolán acollerá un faladoiro coa piloto galega Carmen de Castro Olveira, unha muller nova que está a abrir camiño nun sector tradicionalmente dominado por homes: o da aviación profesional.
Con só 23 anos, Carmen xa pode dicir que vive do que soñaba de nena: voar. Iniciouse moi nova na aviación e, con apenas 20 anos, debutou como copiloto en aviación executiva, participando incluso en voos especiais como o transporte de órganos. Na actualidade traballa como copiloto en aviación comercial, pilotando aeronaves como o Airbus A320.
A súa presenza nos mandos dun avión é tamén un exemplo de referente feminino nun ámbito onde as mulleres seguen sendo minoría. A través da súa experiencia persoal e profesional, Carmen amosa que o talento, a preparación e a constancia non entenden de xénero, e que cada vez son máis as mulleres que reclaman o seu espazo no aire.Máis alá da cabina, Carmen mantén unha forte ligazón coa cultura e coa música: toca varios instrumentos e forma parte da Banda de Música de Caamaño, demostrando que a disciplina artística e a técnica poden convivir cunha carreira tan esixente como a aviación.
Durante o faladoiro falará do seu percorrido, dos retos da formación aeronáutica, das dificultades e tamén das satisfaccións de exercer como muller piloto, nun encontro aberto ao público que convida á reflexión, á inspiración e ao diálogo.
Durante o faladoiro, Carmen compartirá a súa experiencia de superación, disciplina e aprendizaxe, desde o descubrimento da súa paixón polo voo ata os desafíos da formación aeronáutica e a súa carreira profesional no sector. O encontro, aberto ao público e moderado polos xornalista Joaquín Enríquez e activista e compoñente do prgrama a Xanela Das Fucas, Chelo Carballal, será tamén un espazo para o diálogo directo co público asistente
Unha oportunidade única para coñecer de preto a historia dunha muller galega que está a voar alto… e a abrir ceo para moitas outras.

Ningún comentario:
Publicar un comentario