Buscar neste blog

Síguenos en...

25 marzo 2021

Carvalho Calero. Ferrol Velho. Galiza. Lingua.

 


Esperamos que gostedes dos poemas de Carvalho sobre Ferrol e dos poemas que algumhas poetas escrevemos em homenagem ao escritor ferrolano.
Hoje vam 31 anos do seu passamento.
Nom nos cansaremos de reivindicar que se reabilite a sua casa, e que se destine para usos culturais, o qual suporia um importante pulo ao deteriorado bairro de Ferrol Velho.
 
#CarvalhoCalero #LetrasGalegas #Lingua #Ferrol #Galiza

 

Enlace vídeo recital: https://youtu.be/mJSXhijeKoo

24 marzo 2021

Aniversario: Ateneo Ferrolán dende o ano 1879 na cidade de Ferrol.

 


Aniversario
ATENEO FERROLÁN dende o ano 1879 na cidade de Ferrol.
 
Acta de constitución do primeiro Ateneo na cidade de Ferrol, asinada o 24 de marzo de 1879, fai 142 anos (1879 - 2021)
 
O Ateneo Ferrolán foi fundado no ano 1879 por un grupo de intelectuais presididos por D. Avelino Comerma y Batalla coa denominación de ATENEO ARTÍSTICO, CIENTÍFICO E LITERARIO DE FERROL.
 
"Polos que foron, polos que somos e polos que serán"

15 marzo 2021

Exposición de Artes Plásticas "DANTE" do 5 ao 31 de marzo

 


Exposición de Artes Plásticas "DANTE" 
Do 5 ao 31 de marzo de 2021 na nosa Sala de Exposicións (Sala 1)
 
 
 A exposición Dante, reúne a obra recente do sevillano afincado en Ares Juan Manuel Álvarez Romero, Mané, con pinturas e esculturas realizadas entre 2019 e 2021, buscando un sentido de unión “A Divina Comedia” coa nosa historia recente, tanto persoal como colectiva: os padecementos e incertezas que, a nivel mundial e humano, aínda estamos a vivir e que Mané enfoca desde a súa visión plástica e poética sobre a Divina Comedia, de Dante, onde indaga nos confinamentos desde o inferno “que o presenta caótico, incluso esquecendo por momentos a orde e a composición” ata a chegada a un paraíso que nolo mostra baleiro e silencioso, con siluetas de humanos camiñando por horizontes afastados. 
 
Unha visión confabuladora, do tempo da experiencia de confinamento, capaz de transportarnos aos medos e á súa vez, liberación do inconsciente, suscitando unha reflexión poética e onírica no espectador a través do libre xogo dos matices, ás veces surrealistas e ás veces post minimalistas e, suxerencias entre pinceladas texturadas e personaxes que pululan polas paisaxes que nos levan a imaxinarios repletos de grafismos que definen o seu estilo desde os seus inicios como pintor, e que busca quizais nun momento oportuno como este, a súa visión e interese como creador.     
 
Artista multidisciplinar, Juan Manuel Álvarez Romero, Mané tamén poeta e escultor, disciplinas que conforma un conxunto de todas elas e que responde a unha vontade  integrativa, nunha experimentación continua, fainos un retrato tanto da humanidade como da condición humana. Así, Mané, comparte, “móstranos” a súa percepción do tempo presente e pasado, das accións e acontecementos, que ocorren e repítense ao longo da historia da humanidade –E que parece que esquecemos– . 
 
Estas obras convídannos tamén a recobrar o instante vivido, o sentido e a aprendizaxe de mirar e mirarnos no continuo presentir e sentir á vez, dun mundo transformador que nos ensina a vivir nunha conciencia evolutiva e cambiante que pode parecer ou é á vez involutiva.

Conferencia audiovisual "Da guerra e o seu relato na arte contemporánea en Galicia" por Rosario Sarmiento. Mércores día 17 de marzo ás 19 h.

 

 Conferencia audiovisual "Da guerra e o seu relato na arte contemporánea en Galicia" por Rosario Sarmiento

Mércores día 17 de marzo de 2021 ás 19 h.

 ‘DA GUERRA COMA ARTE Á ARTE EN CONTRA DA GUERRA’ REIVINDICA O PAPEL DOS ARTISTAS GALEGOS NA DENUNCIA DOS CONFLITOS ARMADOS

  • Un ciclo de actividades culturais achegará ao público o relato da guerra na arte contemporánea de Galicia

  • Coordinado pola historiadora da arte Rosario Sarmiento e patrocinado pola Deputación da Coruña, o programa cultural inclúe a celebración dun ciclo de conferencias e a difusión de materiais divulgativos en formato audiovisual e impreso

  • A iniciativa bota a andar nas comarcas da Coruña, Ferrol e Santiago con máis dunha ducia de actividades programadas en xaneiro e febreiro

 Reivindicar o papel comprometido e de denuncia dos e das artistas galegos fronte aos conflitos armados é o eixe do ciclo de actividades culturais ‘Da guerra coma arte á arte en contra da guerra’, que bota a andar este mes de xaneiro e continuará en febreiro con máis dunha ducia de actos programados na provincia, con primeiras paradas nas comarcas da Coruña, Santiago e Ferrol.

Esta iniciativa, organizada pola firma cultural A Forxa, co patrocinio da Deputación da Coruña, e coordinada pola historiadora da arte Rosario Sarmiento (www.rosariosarmiento.gal), quere achegar á sociedade galega o relato da guerra a través da arte contemporánea de Galicia.

“A guerra, os seus protagonistas, os seus escenarios e as súas consecuencias ten sido na arte contemporánea un tema sobre o que moitos creadores traballaron, denunciando moitas veces os abusos, as atrocidades e a dor que sempre deixa tras de si calquera conflito armado”, explica Rosario Sarmiento. Sen embargo, “non será ata finais do século XVIII e comezos do século XIX, cando a maneira máis académica de relatar as guerras como acontecementos heroicos ou grandiosos será posta en cuestión por un artista como Francisco de Goya, que marcará a modernidade deste xénero artístico”, apunta.

En Galicia, Ramón Parada Justel, un dos compoñentes da chamada Xeración Doente será pioneiro nesta denuncia en 1899, co cadro A familia do anarquista o día da execución, sendo un dos nosos primeiros creadores contemporáneos que se achega á temática da violencia da guerra. “O golpe de estado de 1936, coa represión, o terror e a tremenda experiencia da Guerra Civil serán claves para o posicionamento e a denuncia de moitos dos artistas que contribuirán á modernidade da creación plástica nas primeiras décadas do século XX en Galicia”, sinala Sarmiento.

Nomes como Luis Seoane, Castelao, Colmeiro, Arturo Souto e Federico Ribas denunciarán aos responsables do golpe e a dramática situación da poboación civil. Tamén Isaac Díaz Pardo, Conde Corbal, Agustín Pérez Bellas, Mercedes Ruibal, Xaime Quessada, Francisco Leiro, Jorge Castillo, Reimundo Patiño, Xavier Correa, Antón Patiño ou Caxigueiro expresarán o seu compromiso e deixarán en moitas obras a súa mirada de compromiso fronte á realidade da guerra.

Esa mirada é a que se achegará ao público da provincia coruñesa con este ciclo cultural que comprende un amplo programa de conferencias e a difusión destas obras a través de diversos materiais audiovisuais e impresos, coa edición de máis de 2.000 folletos e carteis.

A iniciativa bota a andar este mes, con actividades xa programadas na Coruña, Sada, Betanzos, Oleiros, Santiago e Ferrol.

Máis información

Rosario Sarmiento 619 723 760


Exposición de Pintura de Maria José Leira. Do 3 ao 27 de marzo de 2021


Exposición de Pintura de Maria José Leira

Aberta ao público do 3 ao 27 de marzo de 2021 no Ateneo Ferrolán (Sala 2)


 

26 xaneiro 2021

Novas restricións normativa COVID

 


Desde hoxe pechamos novamente o Ateneo Ferrolán en cumprimento das normas ditadas polo Goberno galego. 
 
Agardámosvos á volta. Coidádevos moito!
 
Contacto:
secretaria@ateneoferrolan.org - 644.720.055

25 xaneiro 2021

Revista trimestral do Ateneo Ferrolán "ATENEA 46" - Outono 2020

Revista trimestral do Ateneo Ferrolán "ATENEA 46" - Outono 2020 

Saúdavos a nova revista ATENEA DIXIT 

Despois de un longo período sen editala, a Xunta Directiva,estimamos que deberíamos facer un esforzo en retomar o contacto directo cos socios e socias para recoñecerlles que a súa fidelidade é a que permite esta edición e que este formato dixital pode converterse nese nexo, tan necesario. Si ben é certo que este formato adquire outra dimensión o certo é que sen socios e socias non habería esta revista, grazas. 

Enlace Revista Atenea 46:

https://drive.google.com/file/d/1pOCw_djTeWfHwwSLvIwwUMdB7dFb4Ewa/view?usp=sharing 

 


 

14 decembro 2020

Representación Teatral “Testemuñas anónimas (teatro documental)”. Escola Teatro do Ateneo. Xoves día 17 ás 19,30 h.

 


Representación Teatral “Testemuñas anónimas (teatro documental)”


da Escola de Teatro do Ateneo Ferrolán

Xoves día 17 de decembro ás 19,30 h.

(Aforo limitado restricións Covid)


- Dirección e posta en escena: Plamen Dipchikov

- Escenografía: Ani Petrova

Sinopse: no tren da vida unha muller galega atópase consigo mesmo nas diferentes etapas da súa vida

Elenco: 

Angelica Bores Cuartero, Sabela Carrera Alvarez, Tessy Blan e Fernanda Martinez

02 decembro 2020

Temos Lotaría de Nadal Nº 93577

 


 
Temos Lotaría de Nadal
Participacións de: 2,50 € + 0,50 € (colaboración)= 3 €

Nº 93.577
Colabora e participa!

27 novembro 2020

Selección para a XX MOSTRA de CURTAMETRAXES 2020 16 e 17 de decembro de 2020 ás 19 h. ¡¡¡¡ ADIADAS!!!!


XX MOSTRA de CURTAMETRAXES 2020 16 e 17 de decembro de 2020 ás 19 h. 

Os días 16 e 17 de decembro de 2020, levarase a cabo a XX MOSTRA DE CURTAMETRAXES, comezadas no ano 2001 con grande interese do público en xeral. 

A Mostra de Curtametraxes do Ateneo nace en 2001 coma un espazo de difusión da cultura cinematográfica en formato curto, para abrir unha fiestra cara ese cinema local e internacional de calidade a cotío vetado ao gran público. Como lembranza do que foron estas xornadas ao longo destes vinte anos de andadura dicir que na nosa programación priman as curtas galegas e en galego pero que tamén damos paso para coñecer outros autores a nivel internacional. 

Nestes días amosaremos curtametraxes e creacións de cineastas, case que sempre noveis, e con especial atención aos cineastas galegos e galegas en especial. O obxetivo é dar a coñecer a un público amplo a calidade e variedade das curtametraxes, sobre todo das galegas. Estas xornadas están a converterse nun referente, por ser un esforzo realizado para divulgar a produción de curtametraxes, que en moitos casos fica agochada. Trátase de acceder a unha parte do audiovisual que atesoura gran calidade. 

Curtas e autores seleccionados:

XX MOSTRA de CURTAMETRAXES 2020 16 e 17 de decembro de 2020 ás 19 h. ¡¡¡¡¡ADIADAS!!!!!


XX MOSTRA de CURTAMETRAXES 2020 16 e 17 de decembro de 2020 ás 19 h. no #AteneoFerrolán 

Participa e Difunde!!!! 

Facemos un chamamento a todas as persoas que queiran participar nestas xornadas,nos acheguen os seus traballos de menos de 20’, preferentemente en lingua galega acompañado dunha ficha cumprimentada cos datos da curta e do director antes do día 13 de novembro para poder engadilos ao programa deste ano. 

Normalmente recibimos as curtas a traverso da plataforma vimeo. Se utilizas esta plataforma,necesitamos saber a ligazón á curta máis o contrasinal para poder acceder a ela e coa opción "Descarga" habilitada para que nós a poidamos descargar. Pero tamén estamos totalmente abertos a calquera outro método que utilices (outra plataforma calquera ou se xa está público, a ligazón para poder collelo). Tamén aceptamos correo ordinario ao enderezo físico da nosa entidade. 

Os días 16 e 17 de decembro de 2020, levarase a cabo a XX MOSTRA DE CURTAMETRAXES, comezadas no ano 2001 con grande interese do público en xeral. 

A Mostra de Curtametraxes do Ateneo nace en 2001 coma un espazo de difusión da cultura cinematográfica en formato curto, para abrir unha fiestra cara ese cinema local e internacional de calidade a cotío vetado ao gran público. Como lembranza do que foron estas xornadas ao longo destes dezasete anos de andadura dicir que na nosa programación priman as curtas galegas e en galego pero que tamén damos paso para coñecer outros autores a nivel internacional. 

Nestes días amosaremos curtametraxes e creacións de cineastas, case que sempre noveis, e con especial atención aos cineastas galegos e galegas en especial. O OBXECTIVO é dar a coñecer a un público amplo a calidade e variedade das curtametraxes, sobre todo das galegas. Estas xornadas están a converterse nun referente, por ser un esforzo realizado para divulgar a produción de curtametraxes, que en moitos casos fica agochada. Trátase de acceder a unha parte do audiovisual que atesoura gran calidade.